Xuntanza de loitas autóctonas en Cantabria

Esta fin de semana estivemos en Torrelavega, en Cantabria. Foron unhas xornadas de encontro con outras loitas autóctonas e tamén de competición.

A “Federación Cántabra de Juegos y Deportes Tradicionales”, presidida por Rodolfo do Alto,  organizou un torneo internacional de loitas autóctonas o domingo 28 pola tarde e, para completar o acto, o luns 29 pola mañá as distintas delegacións que estabamos presentes fixemos demostracións das nosas loitas.

Aquí podedes ver unha foto da delegación que enviamos dende A Cambadela, xunto con Rodolfo do Alto ataviado co traxe tradicional que lle regalaron os integrantes da delegación de Uzbequistán.

 Delegación galega xunto co organizador

Delegación galega xunto co organizador

Houbo unha nutrida representación de loitas de varios puntos de España e Europa: Aluche, Lucha Leonesa, Gouren (loita bretona), Kurash (loita tradicional uzbeca), Baltu, Back-hold (loita escocesa) e, por suposto, Loita Tradicional Galega.

O domingo competíuse en dúas variantes: Aluche e Gouren. Calquera destas loitas é moi distinta á nosa. O Aluche, por exemplo,  faise con agarre fixo o que limita as posibilidades técnicas, mentras que o Gouren permite o agarre da chaqueta, de maneira que os métodos de desequilibrio e as execucións técnicas tamén cambian con respecto á Loita Galega. A pesar de todo isto, e de que era a nosa primeira competición, os nosos loitadores tiveron un papel excepcional, acadando dous terceiros postos en Aluche e un terceiro posto en Gouren.

Aquí podemos ver a Miguel buscando o agarre inicial na súa loita cun representante uzbeco:

cantabria-11

e nesta outra foto podemos ver a Luís na típica posicional inicial do Aluche:
cantabria-2

Dende logo, podemos dicir que o máis importante do encontro foi  contactar coas outras delegacións, coñecer as súas realidades e culturas, saber como é a situación das súas loitas autóctonas, ver de organizar actividades conxuntas e desfrutar de tempo de lecer na súa compaña.

Aquí podedes ver á delegación leonesa, xunto cos membros da Cambadela. A afinidade con eles foi total:
cantabria-5