Presentación do Plan Estratéxico dos Xogos e Deportes Tradicionais

Coa presenza da conselleira Ánxela Bugallo e a directora xeral Marta Souto, a Consellería de Cultura e Deporte presentou o pasado 8 de febreiro o Plan Estratéxico dos Xogos e Deportes Tradicionais.

presentacion-plano-044

En realidade o plan aínda está por facer e o encontro era máis ben para mostrarnos o traballo que se veu realizando tanto dende a universidade de Santiago de Compostela coma dende o organismo que será o encargado de coordinar e redactar o plan. Aínda hai moito que facer, podemos dicir que só hai datos de diagnose, pero xa é moito máis do que tiñamos hai pouco tempo.

A primeira exposición fíxoa o profesor Constantino Arce e mostrounos o estudo que se levou a cabo baixo a súa coordinación para facer unha diagnose do estado actual dos deportes e xogos tradicionais e populares. Todos quedamos un pouco abraiados pola minuciosidade e pola grande cantidade de información recollida e analizada. A ver se isto non queda nunha foto fixa da situación e se mantén un seguimento da evolución dos deportes e xogos a partires de agora.

Posteriormente falou a empresa encargada de realizar o plan, que nos mostrou cal ía ser a organización do traballo a partires de agora. Unha das partes máis interesantes, e que máis nos involucra, é que se van a facer mesas redondas nas que as persoas, asociacións e entidades que se moven no deporte tradicional poidan expresarse  e así entre todos empezar a construír dende a base.

presentacion-plano-038

A xornada pareceunos interesante sobre todo como punto de contacto e punto de arrinque. Agardamos que non haxa tropezos a partires de agora para levar a cabo unha tarefa que haberá que facer ben porque nos afecta a todos e, sobre todo, ao mantemento e recuperación da nosa cultura, da cal os xogos e deportes tradicionais son unha parte moi importante.

Advertisements

Cazador de palabras

O pasado 15 de xaneiro comezou un novo programa na Televisión de Galicia que leva por título Cazador de palabras. O nexo de unión da primeira emisión foi o deporte, adicando unha boa parte ao fútbol (non podía ser doutra maneira).

Pero o máis importante, faltaría máis, foi que adicaron a segunda parte do programa a algúns dos deportes tradicionais, en particular á billarda e á… Loita Tradicional Galega. Sí, estivemos na tele!. É un orguio e unha grande satisfación saber que a nosa loita se empeza a coñecer e esperta interese, incluso dos medios de comunicación.

Foi unha experiencia moi interesante. Viñeron a gravar xa hai uns meses, tedes que ter en conta que este tipo de programas grávanse con moita antelación e supoñemos que terán despois un labor importante de montaxe, realización, etc. Estiveron no local do club durante boa parte da tarde, gravaron aos nenos loitando e, mentras lle facían a entrevista a Severino (o noso director técnico), había unha parella de loitadores facendo unha demostración técnica. Xa era noite cando rematamos.

Non nos queda máis que felicitar aos responsábeis do programa e comunicarlles o noso agradecemento. A emisión que saíu pola tele foi moi dinámica, divertida e amena e, o máis importante, cun incalculábel valor  lingüístico. A parte correspondente aos deportes tradicionais foi algo curta, pero hai que ter en conta que a temática desta primeira emisión era moi ampla e o tempo de programa é limitado.

Xa sabedes, para poder seguilo, os xoves ás 21:45 horas na Televisión de Galicia.

Tamén podedes ver os programas anteriores ná páxina da galega no apartado Televisión á Carta.