Presentación unidade didáctica e manual de loita

Onte martes día 26 de maio tivo lugar no concello da Estrada a presentación da unidade didáctica A loita dos nosos antergos: Unha proposta didáctica xunto co primeiro Manual práctico de Loita Tradicional Galega.

O material foi presentado polo presidente do club, Moisés Iglesias, xunto co Director Técnico, Severino Gómez. Contamos así mesmo coas palabras de D. Xoán Carlos Castro, o concelleiro de deportes do da Estrada, e de Dna. Marta Souto, anteriora Directora Xeral para o Deporte. A ámbolos dous estaremos sempre agradecidos polo seu apoio xa dende o comezo da andaina da Cambadela.

A unidade didáctica está enfocada ao profesorado de Educación Física. Aínda que o encaixe curricular está desenvolvido para primaria, a maior parte da proposta é de utilidade tamén para o nivel de secundaria.  Se a descargades e vos animades a levala a aula, gustaríanos saber que tal foi a experiencia: Se vos resultou útil, que pensades que deberiamos cambiar,  que botastes en falla, etc. Calquera suxerencia ou comentario construtivo será moi ben recibido.

Exhibición alumnado IES Antón Losada

Como xa ven sendo tradicional, o alumnado do IES Antón Losada ven de organizar o desfile de moda primavera-verán. Nesta ocasión celebrouse no Teatro Principal. O acto tivo lugar o pasado venres 8 de maio. Ao igual que en edicións anteriores, o público puido contemplar os últimos modelos  das firmas máis coñecidas e das tendas da Estrada.

Tamén nesta ocasión o club A Cambadela puxo o seu grao de area e animou o desfile cunha exhibición de actividades variadas. Alí puideron verse entre outras cousas combates de karate, demostración de katas  e, por suposto, loita tradicional galega. Varias parellas de nenos e adultos ofreceron unha mostra desta actividade tradicional para desfrute dos asistentes.