Encontro de loitas na Estrada

O vindeiro sábado día 27, aproveitando que se celebran as festas patronais na Estrada, celebraremos un encontro de loitas.
Pola tarde comezaremos cun torneo de karate no que se enfrontarán participantes de Palencia e galegos. Ao remate do torneo teremos demostracións de loitas autóctonas. Contaremos coa presencia de alucheros (Cantabria), loitadores leoneses, parellas de loita libre olímpica e grecorromana e, por suposto, parellas de loita tradicional galega.
A actividade desenvolverase diante do concello e contamos coa colaboración da Federación Galega de Loita, da Asociación Europea de Karate Profesional (E.P.K.A.) e do Concello da Estrada.

Advertisements

Galhofa en Bragança

O pasado sábado tivemos ocasión de coñecer de forma directa a Galhofa. A Galhofa é unha loita tradicional do nordeste portugués, practicada por mozos e que actuaba a modo de iniciación na vida adulta.

galhofa

Na súa forma práctica ten certa semellanza á loita libre olímpica, aínda que dende un enfoque máis de loita autóctona. A forma de puntuar é poñer ao contrario coas costas contra o chan. É suficiente con que se toque coas costas, non fai falla manter a posición durante un tempo. Isto fai que os combates sexan moi dinámicos e que a técnica estea enfocada a tirar rapidamente ao contrario. Pareceunos unha loita moi rica, con grande variedade técnica á vez que integrada nos costumes tradicionais.

Neste momento estase intentando rescatar esta loita portuguesa, principalmente polos esforzos do profesor José Bragada, do instituto politécnico Bragança, a quen tivemos o pracer de coñecer. Por suposto, hoxe en día tamén hai practicantes femininas e semella que a Galhofa vai camiño de transformarse nun deporte organizado, á vez que mantén as fondas raigames coa tradición portuguesa.

Moitos ánimos aos nosos irmáns portuguesas practicantes da Galhofa!.

Para coñecer un pouco máis desta loita podedes botarlle un ollo a este video.