Demostración no día de Galicia

Despois das choivas que sufrimos na pasada semana, menos mal que o tempo nos deu un respiro para celebrar o día de Galicia como cómpre. Este día, nos que tódolos galegos estamos de festa, é usualmente momento de lembrar aos nosos artistas, poetas, literatos e por suposto é un magnífico momento para lembrar e poñer ao día as nosas tradicións. No fondo, elas tamén configuran a nosa cultura e identidade.

Xunto cunha serie de actos que se realizan neste día, depositar flores na tumba de Castelao, ofrenda ao apóstolo, manifestación do nacionalismo en Santiago, etc, hai un festival que se fai nestes días, que xa ten unha traxectoria longa e que está xa completamente consolidado, o Festigal.  Hoxe en día está claro que xoga un papel importante na promoción da nosa cultura tradicional á vez que actúa como punto de encontro da mocidade galega que busca as últimas tendencias.

festigal1-09

O ano pasado estaba previsto que o club levara a cabo unha demostración de Loita Tradicional Galega durante o Festigal. Se lembrades, o ano pasado choveron chuzos de punta o 25 de xullo, co que aquela demostración non puido facerse. Este ano si puidemos facer a exhibición, deleitando ao público coas mañas da nosa loita e colaborando a promocionar e difundir os nosos xogos e deportes tradicionais.

festigal2-09

Para rematar veu a parte que máis nos gusta. Como facemos con frecuencia, invitouse ao público a entrar na lona e vivir a actividade. Durante un montón de tempo os nenos que estaban presentes puideron divertirse rodando polo chan, tirándose uns aos outros, descargando enerxía e sobre todo, aprendendo cos nosos monitores as mañas e formas de derrube e amarre da loita.

Aranda de Duero

Esta fin de semana pasada viaxamos a Aranda de Duero, a un encontro internacional de xogos e deportes tradicionais. O acontecemento estivo organizado pola Asociación Cultural La Tanguilla, e foi a culminación dunha serie de actividades enfocadas á promoción do xogo e deporte tradicional, entre as que destacou a celebración dun congreso mundial de xogos tradicionais con presenza de expertos de múltiples países.

Foi unha fin de semana moi interesante, tanto dende o punto de vista deportivo coma cultural. Estivemos aloxados na localidade burgalesa de Peñaranda de Duero, pequeno concello que conserva intacto gran parte do seu patrimonio medieval entre o que destaca un castelo, o pazo de Avellaneda e en xeral tódolos edificios situadas no entorno da praza maior. As demostracións tiveron lugar en Aranda de Duero, no polideportivo Príncipe de Asturias, un complexo dotado de espazos amplos e múltiples instalacións deportivas.

Corte en altura

Dende logo, coma é habitual neste tipo de concentracións, o máis produtivo do encontro foi ter contacto coa xente que forma parte do mundo do xogo e deporte tradicional. É incrible a cantidade de persoas que loitan polo rescate e mantemento das tradicións, auténtico patrimonio cultural. Tivemos ocasión así mesmo de coñecer a Carlos de la Villa, a cabeza visible da organización e presidente da Asociación Cultural La Tanguilla, a quen agradecemos a invitación a participar e, en xeral, o trato recibido durante estes días.

Foto de grupo en Aranda

Con respecto á concentración de loitas que estaba prevista, aínda que non puideron contar coa presenza da delegación de Canarias, si puidemos intercambiar experiencias, parolar e, por suposto, loitar coa delegación de Lucha Leonesa, personificada no club Los Leones aos que mandamos un agarimoso saúdo.

En fin, parécenos que este tipo de acontecementos son completamente necesarios para manter vivos os nosos xogos e deportes tradicionais. Agardamos que se poidan repetir no futuro.

Encontro de loitas

O sábado pasado foi un día grande para a Loita Tradicional Galega xa que tivo lugar o primeiro torneo de Loita da era moderna. En realidade, como diciamos na anterior entrada, houbo moitas máis cousas interesantes.

O encontro contou con actividades variadas. Por un lado celebrouse un torneo de karate no que participaron nenos tanto nas modalidades de kumite coma en katas. Así mesmo, o noso campión de katas Joel López fixo unha demostración de Formas que entusiasmou ao público.

Por outro lado, e como prato forte da tarde, celebrouse o primeiro torneo San Paio de Loita Tradicional Galega. Neste participaron firmes promesas da loita, que nos asombraron coa súa destreza, empeño e seriedade no círculo vivo.

Pero o sábado non só era tempo de competición. Tamén era tempo de irmandade entre loitadores. Contamos coa presenza de expertos en loitas olímpicas, pertencentes á Federación Galega de Loita e Disciplinas Asociadas, que fixeron unha exhibición de loita grecorromana e libre olímpica completada coas explicacións técnicas do adestrador e  campión de España  Nicolás Castro. Tamén contamos coa presenza de practicantes de lucha leonesa, na compaña e baixo a tutela de Antonio Barreñada, que nos ensinaron as súas mañas e onde puidemos coñecer mellor a riqueza da súa tradición.

Para completar as demostracións os asistentes ao encontro e o público en xeral tivo a ocasión de coñecer de primeira man as sutilezas técnicas destas artes mediante a participación en talleres prácticos.

Con todos eles, participantes, monitores e asistentes estamos profundamente agradecidos e gustaríanos enviarlle un saúdo moi agarimoso.

Por suposto, para rematar o encontro houbo demostración e talleres de Loita Tradicional Galega a cargo dos membros do club A Cambadela.