Festa castrexa de Esmelle

San Xoán de Esmelle é unha parroquia situada no centro do concello de Ferrol, ocupando o que se coñece como val de Esmelle. Trátase dunha zona moi atractiva á hora de desenvolver actividades de lecer. Á súa praia de bandeira azul debemos engadir a posta en valor do patrimonio que se leva facendo dende o Proxecto Esmelle, que xa foi recoñecido con múltiples premios dende o seu nacemento no ano 2003. En fin, unha zona para visitar e na que gozar de fantásticos momentos.

p1010834O pasado sábado 22 celebrouse a oitava edición da festa castrexa en San Xoán de Esmelle. Organizada polos veciños da parroquia, concentrou un montón de actividades relacionadas coa cultura e as tradicións. Artesanía, música, xogos tradicionais, comida e bebida, e Loita Galega.  Á tardiña o club A Cambadela fixo unha demostración de loita, seguida por un taller enfocado para os máis cativos e cativas, que gustou así mesmo aos menos “cativos”. Todos eles puideron coñecer a actividade e medir as súas forzas baixo a atenta mirada dos monitores do club.

p1010878Non nos queda máis que recoñecer o grande labor de promoción da cultura tradicional que están a facer os veciños e agardar que a festa castrexa teña continuidade en vindeiros anos. Pola nosa parte, foi un grande pracer poñer o noso pequeno grao de area.

Santalla 2009

Xa se achega a III Mostra de xogos e deportes tradicionais en Santalla. De momento só podemos ver o cartel, que anuncia un carro de actividades interesantes. Alí estaremos!.

CARTEL III Mostra 1 definitivo RW

Oenach atlántico

Como en anos pasados, e xa van once edicións incluíndo a actual, dende o 31 de xullo ao 2 de agosto celebrouse en Narón, na parroquia de Sedes, o Oenach atlántico. Unha oenach era, nas antigas civilizacións que habitaron Galicia, unha especie de feira onde se trocaban mercadorías, desenvolvíanse xogos e combates e en xeral eran xornadas festivas onde se socializaba.

oenach-web1

A parroquia de Sedes realiza tódolos anos unha viaxe ao pasado, recreando a época castrexa e incorporando actividades coma teatro, feira, deporte e tradición. E todo isto grazas ao traballo dos veciños que adican o seu tempo e poñen todo o seu entusiasmo  para revivir a historia.

oenach-web2Ao igual que outros anos tamén houbo espazo para o deporte, en particular para o deporte rural. Este ano contouse coa presenza dun grupo de cortadores de troncos de Soria, que fixeron unhas figuras en madeira e mostraron o seu arte co machado en diversas disciplinas. O club A Cambadela tivo o peso do deporte autóctono, levando a cabo unha exhibición de Loita Tradicional Galega que se completou cun taller para os cativos e cativas que gustou moito.