Dinamizadores rurais

O pasado sábado día 21 estivemos na Capela. É curioso, xa que o núcleo no que está o concello, As Neves, non ten o mesmo nome que o propio concello. Pero non estamos aquí para falar de xeografía. A razón pola que nos desprazamos á Capela foi para asistir a unha xuntanza de dinamizadores rurais organizada pola Universidade Rural Galega.

Ante todo foi unha oportunidade para tomar contacto con outra xente que traballan no empeño de revitalizar o rural galego, atopar puntos de conexión, analizar a situación actual, ver que camiños e liñas de traballo futuro se poden seguir e pasar un día agradable no marco incomparable do Museo Etnográfico da Capela.

As sesións de traballo da mañá estiveron divididas en catro bloques, que os organizadores deron en chamar fendas:

  • Fendas na cultura.
  • Fendas no social.
  • Fendas na economía.
  • Fendas no medio ambiente.

A verdade é que a participación dos asistentes foi moi interesante, con diversos puntos de vista pero nun ambiente cordial e asertivo, e as discusións que se produciron de seguro que serán os xermolos de novos proxectos e novas ideas para poñer en valor o noso rural, moi necesario sobre todo nunha época de cambios e crise.

 

Promoción da loita en Vigo

A Federación Galega de Loita e o Club A Cambadela, coa colaboración do concello de Vigo, veñen de desenvolver unhas xornadas de promoción da Loita en varios colexios de Vigo. A actividade consistíu en mañás didácticas nos propios colexios onde se realizaron sesións lúdicas de introdución ás loitas, centradas principalmente na Loita Tradicional Galega. Desta forma, o alumnado de primaria tivo un primeiro contacto  coa nosa loita de man de técnicos da Federación Galega e monitores da Cambadela.

Os centros que participaron foron:

  • CEIP Ramón y Cajal.
  • CEIP Emilia Pardo Bazán.
  • CEIP Fleming.
  • CEIP Doblada.

Promoción da loita en Vigo

Este proxecto é un paso máis no labor de promoción das loitas e de intentar achegar este tivo de actividades aos máis cativos, á vez que se informa aos pais e nais da realidade destes deportes e se eliminan certos mitos contraproducentes. Así mesmo, dáselle publicidade á escola deportiva de Loita Tradicional Galega que o concello ten interese en abrir en Vigo.

Como sempre dicimos, o que máis nos enche de orgullo é ver as caras de felicidade dos nenos e nenas que pasan por estes talleres.

loi7