Eulogio de Visantoña

Eulogio
A recuperación da Loita Tradicional Galega comezou aló polos anos oitenta. Xa sabían aqueles pioneiros que non era unha tarefa sinxela pois quedaba pouca xente que loitara na súa xuventude ou que puidese dar cumprida información de como se desenvolvía a actividade. O traballo constante e, sobre todo, o entusiasmo que puxeron posibilitou, non obstante, que a Loita se puidese sacar do esquecemento e volvese á vida.

Se vos contamos sobre as dificultades que houbo naqueles primeiros tempos é para que entendades a ledicia que tivemos cando José Manuel López nos falou do seu pai, Eulogio López González, auténtico campión de loitadores na zona de Visantoña. Hai uns días tivemos o pracer de coñecelo persoalmente e puidemos comprobar que, a parte de gran loitador, tamén é unha fantástica persoa. A súa alegría, hospitalidade e retranca fíxonos pasar unha fantástica tarde nunha compaña inmellorable.

Con máis de oitenta anos ás súas costas, Eulogio aínda mantén unha sorprendente vitalidade. Naquela zona desenvolvíase un tipo de loita de agarre fixo, á que se referían co verbo abarcar, termo que tamén temos recollido na comarca de Samos e que cita por exemplo José Santiago Crespo Pozo na súa Nueva contribución a un Vocabulario Castellano-Gallego: con
indicación de fuentes e inclusión del gallego literario
(galaico-portugués).
A característica principal deste tipo de loita é que non se permitían mañas por debaixo dos cadrís.

Certamente, a xornada con Eulogio sóubonos a pouco, e agardamos poder volver a falar con el para que nos ilustre coas súas historias da mili (onde por certo tamén loitaba) e nos ensine algunha das súas mañas. Quede esta entrada como homenaxe e mostra de aprecio e respecto para este loitador que nos impresionou profundamente.