Ourense co Senegal

O Senegal independizouse de Francia alá polo ano 1960, despois de máis de cen anos de colonización. Isto significa que este 2010 fai 50 anos que existe como país. Co gallo deste acontecemento os senegaleses que viven en Ourense veñen de organizar ao longo deste mes de abril unha serie de actividades  conmemorativas que incluíron conferencias, eventos deportivas, música e gastronomía. Foi unha boa oportunidade para achegarnos á realidade deste país, que moitas veces só coñecemos superficialmente ou incluso do que temos ideas erróneas preconcibidas.

Unha das actividades máis interesantes foi unha demostración de loita senegalesa. Esta loita, denominada Lamb (palabra wolof que significa loita) é o deporte nacional deste país. Os combates están rodeados de rituais e cánticos que lle dan unha dimensión tan cultural e mística coma deportiva. É tal a súa importancia que os grandes practicantes cobran cantidades astronómicas e os combates son seguidos polos medios de comunicación. No aspecto práctico, trátase dunha loita na que se permiten golpes aínda que, dado que o obxectivo é tirar ao adversario, os combates adoitan a rematar con traballo corpo a corpo.

Xunto coa demostración de loita Lamb o club A Cambadela fixo unha exhibición de Loita Tradicional Galega. Foi así unha xornada de interacción entre dúas culturas e dúas expresións culturais enraizadas na historia de ámbolos dous países.

Advertisements