V Encontro escolar de xogos tradicionais

O sábado pasado estivemos en Lugo, no magnífico entorno do pazo de feiras e congresos, onde tivo lugar o V encontro escolar de xogos tradicionais.

Segundo nos contan os organizadores, contouse coa participación de máis de 500 escolares de 13 centros de ensino de distintos puntos do país, o que é unha clara mostra do interese que espertan os xogos e deportes populares e tradicionais entre os máis novos.

Ao igual que noutros anos, a xornada tivo dúas partes claramente diferenciadas. Pola mañá  os nenos e nenas practicaron unha ampla variedade de xogos, e pola tarde tivo lugar a actuación de Os Sete Magníficos máis un e as demostracións, entre as que se atopaba a Loita Tradicional Galega.

A exhibición de loita incluíu, como de costume, un taller final para os asistentes. A lona quedouse pequena para acoller a tantas parellas de loitadores como pretendían entrar, así que houbo que facer dúas quendas para darlle a oportunidade ao maior número posible de participantes a que tiveran un primeiro contacto coa nosa loita.

Advertisements

DiverDeSa 2010

O concello da Estrada xunto co club de Loitas Tradicionais A Cambadela veñen de presentar o que agardamos que sexa o acontecemento deportivo do verán. Durante os días 10 e 11 de xullo celebrarase na praia fluvial do río Liñares DiverDeSa 2010 (Diversión Deporte e Saúde), macroxuntanza deportivo-cultural na que se contará, entre outras cousas,  con mostras, exhibicións e competicións de máis de corenta modalidades deportivas.

O evento deuse a coñecer onte xoves en rolda de prensa na que participaron o concelleiro de deportes Xoán Carlos Castro, o presidente do club A Cambadela Moisés Iglesias e o alma máter do proxecto de rescate da Loita Tradicional Galega, así coma Director Técnico do club A Cambadela, Severino Gómez.

Rolda de prensa

DiverDeSa 2010 pretende centrarse sobre todo no aspecto lúdico da práctica deportiva. Serán dous días de festa que xirarán arredor do deporte pero nas que tamén haberá momentos para os xogos tradicionais, a cultura, a música, a diversión para os nenos, a boa comida e un sen fin de outras actividades nas que poder aproveitar o día no marco incomparable da praia fluvial do río Liñares.

Tamén é interesante resaltar o II Encontro de Loitas da Estrada. Mentres que o ano pasado se celebrou durante as festas de San Paio, este ano incluirase dentro das propostas de DiverDeSa 2010. Contaremos con varias delegacións de loitas autóctonas (lucha leonesa, lucha canaria, aluche cántabro, galhofa portuguesa e por suposto Loita Tradicional Galega) así coma con representación de loitas olímpicas, karate e grappling. Haberá exhibición e talleres para os máis valentes.

Ven e participa en DiverDeSa 2010!!