Lembrando a Rosalía

Ven de celebrarse o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, sen lugar a dúbidas unha figura imprescindible na historia da literatura galega e principal impulsora do Rexurdimento galego.

Rosalía na Wikipedia

É interesante recordar a Rosalía e ao seu papel como difusora da cultura galega e en particular como cronista das nosas tradicións, con varias referencias nas súas poesías á Loita Tradicional Galega. É bo momento este para lembrar o seu poema A probiña, que está xorda…!, referencia senlleira para nós. O texto é máis longo, reproducimos aquí a parte máis interesante:

Xa preto da media noite,
dan encomenzo as peleas;
os mozos loitan cas mozas,
mediando as forzas que teñan
e n’andan en comprimentos
para botarse por terra.
¡Si as vírades que valentes
se amostran na loita as nenas!
¡Fanlle ós mozos cada mágoa
cas súas mans pequeneiras!

-Un xa caíu… foi un home…
¡Ela venceu, venceu ela!
¡Ben pola nena bonita!
¡Que vivan as montañesas!
¡Que vivan, pois loitar saben!
-¡Si fixo trampa….! –el contesta
avergonzado-: foi trampa,
que si non, nin cen coma ela.
-¿Que trampa nin que morcegos…?
Vencinte…
        -Non.
                  -Si
                    -¡Me venzas!

Hoxe máis ca nunca a figura de Rosalía segue viva e agardamos que o siga por moitos anos máis, respectando o seu patrimonio e a súa esencia, que é parte de nós e do noso pobo.

Advertisements