Fotos Diverdesa 2011

Xa temos fotos do Diverdesa 2011. Despois de tomarnos un respiro durante o verán, xa estamos aquí de novo para informarvos das actividades que se vaian realizando e das novas relacionadas coa Loita Tradicional Galega.

Aquí tedes unha selección de fotos, moitas máis no seguinte álbum de fotos.

Motocross no Diverdesa 2011

Xogos tradicionais

Defensa persoal

Loita Tradicional Galega

 

Na malla de Castro de Rei

Unha das operacións máis tradicionais dentro dos traballos agrarios é sen dúbida a malla e todo o que leva asociado. O trigo era un dos cereais máis importantes para o labrego galego, sobre todo naquelas zonas nas que había máis cultura de trigo que de millo, e os labores asociados a el facíanse habitualmente de forma comunitaria. Xuntábase toda a aldea e realizábanse os traballos de forma cooperativa, un ía axudarlle aos veciños para que os veciños lle axudaran despois a el.
As tarefas asociadas ao trigo comezaban coa sega, onde se cortaba a planta, e remataban coa malla, na que se separaba o grao da palla. Esta podía facerse de moitas formas, dende bater o monllo contra un taboleiro ata, nos últimos tempos, co uso de máquinas malladoras que xa facían case todo o traballo.

No concello de Castro de Rei levan xa dez anos rememorando as tradicións asociadas ao trigo. Faise en varias semanas onde se van sucedendo os distintos labores, a sega, a meda (poñer o palleiro tamén se di noutros lugares de Galicia) e, por fin, a malla. É unha festa moi popular onde, ao igual que antigamente, a dureza da actividade se ve  compensada polo bo humor e a boa comida.

Este ano fomos invitados a facer unha demostración de Loita Galega, que tivo lugar este domingo pasado. Na mellor tradición loitadora, a parte de facer unha demostración máis técnica nun tapiz de loita, tamén se fixo unha exhibición enriba da palla e enriba do palleiro. Malia rascar un pouco, a palla amortece perfectamente as caídas, con razón era utilizada como zona de loita no pasado.

Non nos queda máis que agradecer que nos invitaran a esta festa, desexarlles que poidan continuar esta tradición tan nosa e dicirlles que pasamos un domingo fantástico na súa compaña.

Diverdesa 2010

Pois si, xa rematou o Diverdesa 2010. Durante o sábado e o domingo estivemos todos na praia fluvial do río Liñares, na Estrada, gozando con demostracións deportivas, talleres, xogos tradicionais, inchables, festa da espuma e moito máis. Dous días que nos parece que marcan un antes e un despois no mundo deportivo da Estrada.

En realidade o que pasou esta fin de semana foi a culminación dun longo e laborioso traballo. Tedes que ter en conta que é moi difícil organizar un acontecemento deste tipo, poñer de acordo á maioría dos clubs deportivos do concello, conseguir traer as distintas delegacións de loita, planificar as actividades, repartir as zonas, conseguir agasallos e trofeos e moitas outras cousas que nos obrigaron a ter controlados tódolos detalles.

Debemos dicir que todo isto non sería posible sen a permanente colaboración de Xoán Carlos Castro, o concelleiro de deportes, que nos demostrou que cando un ten as ideas claras e non escatima en esforzos ao final chega a recompensa. Algo que, por desgraza, non podemos dicir dalgún outro membro da corporación municipal.

Dende o club A Cambadela temos que darlle ademais unha importancia especial ao II Encontro de Loitas, onde conseguimos reunir a delegacións de León, Canarias, Portugal, Loitas Libre Olímpica, Loita Grecorromana e por suposto Loita Tradicional Galega. Dous fitos nos gustaría remarcar desta edición: Por un lado a presenza da Galhofa, a loita do norte de Portugal, coa delegación do Profesor José Bragada, e por outro lado a presenza dunha delegación de Lucha Canaria. Contamos ademais, para dignificar o evento, cos presidentes da Federación de Lucha Canaria, da Federación de Lucha Leonesa e da Federación Galega de Loita. Todo un honor para nós!.

Podedes ver máis fotos na seguinte dirección web: http://bit.ly/bVkbY9

Un día para o Diverdesa 2010

Como xa vos dixemos fai un tempo, esta fin de semana terá lugar o Diverdesa 2010, na praia fluvial do río Liñares, na Estrada. Todo está preparado para este macro-acontecemento deportivo-cultural. Teremos de todo como podedes ver na súa páxina web, un montón de disciplinas deportivas farán demostracións, exhibicións e haberá competicións dalgunhas outras.

Para nós os loitadores é de destacar o II Encontro de Loitas da Estrada. A parte das delegacións que tivemos o ano pasado (Loitas Olímpicas, Lucha Leonesa, Karate e Loita Tradicional Galega) este ano contaremos ademais con loitadores canarios e, por primeira vez en Galicia, cunha delegación do norte de Portugal, que nos mostrarán a Galhofa, da que xa falamos aquí noutras ocasións.

O máis importante, sen ningún tipo de dúbida, vai ser o carácter lúdico deste evento. Preténdese que a xente que se achegue á praia do río Liñares se divirta, poida participar en múltiples talleres e xogos e acabe estas dúas xornadas cunha profunda satisfacción e con maior amor se cabe aos deportes de base.

Para ter  máis información está creado un perfil en Facebook e tamén podes seguir as entradas de Twitter.

Vémonos en Diverdesa!!

Enredos Bandeira

A Loita Tradicional Galega desprazouse o pasado sábado día 13 de xuño á Bandeira para festexar a segunda edición de “Enredos”, encontro de xogo e deporte tradicional promocionado polo equipo de normalización lingüística do CEIP da localidade.

Afortunadamente a choiva deu unha tregua despois dunha semana pasada por auga e os asistentes á xornada puideron enredar con xogos coma  o pano, o brilé, as carrilanas ou, a actividade estrela, a parte da exhibición de loita, que foi o torneo de tirapedras.

Dende o club A Cambadela aproveitamos ademais para facerlles unha visita aos xogadores de petanca do club da Bandeira, auténticos profesionais que xa nos aseguraron a súa asistencia no Diverdesa 2010.
Non nos queda máis que agradecer aos organizadores de Enredos 2010 que nos invitaran a colaborar na nesta fantástica actividade que agardamos que continúe en futuras edicións.

V Encontro escolar de xogos tradicionais

O sábado pasado estivemos en Lugo, no magnífico entorno do pazo de feiras e congresos, onde tivo lugar o V encontro escolar de xogos tradicionais.

Segundo nos contan os organizadores, contouse coa participación de máis de 500 escolares de 13 centros de ensino de distintos puntos do país, o que é unha clara mostra do interese que espertan os xogos e deportes populares e tradicionais entre os máis novos.

Ao igual que noutros anos, a xornada tivo dúas partes claramente diferenciadas. Pola mañá  os nenos e nenas practicaron unha ampla variedade de xogos, e pola tarde tivo lugar a actuación de Os Sete Magníficos máis un e as demostracións, entre as que se atopaba a Loita Tradicional Galega.

A exhibición de loita incluíu, como de costume, un taller final para os asistentes. A lona quedouse pequena para acoller a tantas parellas de loitadores como pretendían entrar, así que houbo que facer dúas quendas para darlle a oportunidade ao maior número posible de participantes a que tiveran un primeiro contacto coa nosa loita.

DiverDeSa 2010

O concello da Estrada xunto co club de Loitas Tradicionais A Cambadela veñen de presentar o que agardamos que sexa o acontecemento deportivo do verán. Durante os días 10 e 11 de xullo celebrarase na praia fluvial do río Liñares DiverDeSa 2010 (Diversión Deporte e Saúde), macroxuntanza deportivo-cultural na que se contará, entre outras cousas,  con mostras, exhibicións e competicións de máis de corenta modalidades deportivas.

O evento deuse a coñecer onte xoves en rolda de prensa na que participaron o concelleiro de deportes Xoán Carlos Castro, o presidente do club A Cambadela Moisés Iglesias e o alma máter do proxecto de rescate da Loita Tradicional Galega, así coma Director Técnico do club A Cambadela, Severino Gómez.

Rolda de prensa

DiverDeSa 2010 pretende centrarse sobre todo no aspecto lúdico da práctica deportiva. Serán dous días de festa que xirarán arredor do deporte pero nas que tamén haberá momentos para os xogos tradicionais, a cultura, a música, a diversión para os nenos, a boa comida e un sen fin de outras actividades nas que poder aproveitar o día no marco incomparable da praia fluvial do río Liñares.

Tamén é interesante resaltar o II Encontro de Loitas da Estrada. Mentres que o ano pasado se celebrou durante as festas de San Paio, este ano incluirase dentro das propostas de DiverDeSa 2010. Contaremos con varias delegacións de loitas autóctonas (lucha leonesa, lucha canaria, aluche cántabro, galhofa portuguesa e por suposto Loita Tradicional Galega) así coma con representación de loitas olímpicas, karate e grappling. Haberá exhibición e talleres para os máis valentes.

Ven e participa en DiverDeSa 2010!!