Lembrando a Rosalía

Ven de celebrarse o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, sen lugar a dúbidas unha figura imprescindible na historia da literatura galega e principal impulsora do Rexurdimento galego.

Rosalía na Wikipedia

É interesante recordar a Rosalía e ao seu papel como difusora da cultura galega e en particular como cronista das nosas tradicións, con varias referencias nas súas poesías á Loita Tradicional Galega. É bo momento este para lembrar o seu poema A probiña, que está xorda…!, referencia senlleira para nós. O texto é máis longo, reproducimos aquí a parte máis interesante:

Xa preto da media noite,
dan encomenzo as peleas;
os mozos loitan cas mozas,
mediando as forzas que teñan
e n’andan en comprimentos
para botarse por terra.
¡Si as vírades que valentes
se amostran na loita as nenas!
¡Fanlle ós mozos cada mágoa
cas súas mans pequeneiras!

-Un xa caíu… foi un home…
¡Ela venceu, venceu ela!
¡Ben pola nena bonita!
¡Que vivan as montañesas!
¡Que vivan, pois loitar saben!
-¡Si fixo trampa….! –el contesta
avergonzado-: foi trampa,
que si non, nin cen coma ela.
-¿Que trampa nin que morcegos…?
Vencinte…
        -Non.
                  -Si
                    -¡Me venzas!

Hoxe máis ca nunca a figura de Rosalía segue viva e agardamos que o siga por moitos anos máis, respectando o seu patrimonio e a súa esencia, que é parte de nós e do noso pobo.

Advertisements

Na malla de Castro de Rei

Unha das operacións máis tradicionais dentro dos traballos agrarios é sen dúbida a malla e todo o que leva asociado. O trigo era un dos cereais máis importantes para o labrego galego, sobre todo naquelas zonas nas que había máis cultura de trigo que de millo, e os labores asociados a el facíanse habitualmente de forma comunitaria. Xuntábase toda a aldea e realizábanse os traballos de forma cooperativa, un ía axudarlle aos veciños para que os veciños lle axudaran despois a el.
As tarefas asociadas ao trigo comezaban coa sega, onde se cortaba a planta, e remataban coa malla, na que se separaba o grao da palla. Esta podía facerse de moitas formas, dende bater o monllo contra un taboleiro ata, nos últimos tempos, co uso de máquinas malladoras que xa facían case todo o traballo.

No concello de Castro de Rei levan xa dez anos rememorando as tradicións asociadas ao trigo. Faise en varias semanas onde se van sucedendo os distintos labores, a sega, a meda (poñer o palleiro tamén se di noutros lugares de Galicia) e, por fin, a malla. É unha festa moi popular onde, ao igual que antigamente, a dureza da actividade se ve  compensada polo bo humor e a boa comida.

Este ano fomos invitados a facer unha demostración de Loita Galega, que tivo lugar este domingo pasado. Na mellor tradición loitadora, a parte de facer unha demostración máis técnica nun tapiz de loita, tamén se fixo unha exhibición enriba da palla e enriba do palleiro. Malia rascar un pouco, a palla amortece perfectamente as caídas, con razón era utilizada como zona de loita no pasado.

Non nos queda máis que agradecer que nos invitaran a esta festa, desexarlles que poidan continuar esta tradición tan nosa e dicirlles que pasamos un domingo fantástico na súa compaña.

No 125 cabodano de Rosalía de Castro

Hoxe 15 de xullo cúmprense 125 anos da morte de Rosalía de Castro. Así como dende outros foros se organizan actos en conmemoración, tamén dende aquí nos gustaría ter un momento de lembranza coa nosa máxima poeta.
E para acordarnos de Rosalía, que mellor maneira que con algún dos seus versos. Un poema ao que nós lle temos un especial cariño é A probiña, que está xorda…!  de Follas Novas (1900). Nunha das súas pasaxes dinos:

Xa preto da media noite,
Dan encomenzo as peleas;
Os mozos loitan coas mozas,
Medindo as forzas que teñan
E n’andan en cumprimentos
Para botarse por terra.

Como vedes, nestes versos resúmese toda unha actividade tradicional coma eran as loitas. Non nos queda máis que desexarlles mil anos máis á poesía de Rosalía de Castro.