Encontro de loitas en León

A comunidade de Castela e León está inmersa agora nas celebracións do 1100 aniversario do Reino de León. Con ese gallo teñen multitude de actividades: Exposicións, música, conferencias, actividades audiovisuais, recitais, etc. No que a nós nos atinxe, e dentro destas celebracións, tivo lugar na primeira fin de semana deste mes de outubro un encontro internacional de loitas, no que a Loita Galega estivo como invitada. Houbo presenza de delegacións de Canarias, Bretaña, Escocia, Cerdeña, Grecia, Cantabria, Islandia, León e Galicia.

O encontro comezou o venres día 1 de outubro. Durante a mañá tivemos varias conferencias sobre diversos aspectos das loitas autóctonas, así coma a proxección dun vídeo promocional sobre a Lucha Leonesa. Foi para nós especialmente interesante a breve charla de Fulgencio Fernández sobre a situación actual da Lucha Leonesa, os problemas que ten que afrontar e a clave que para el supuña considerar a esta actividade como sinal de identidade.

Xa pola tarde dese mesmo día tivemos talleres sobre as diversas loitas congregadas no encontro. Dado que ao seguinte día se ía loitar en Lucha Leonesa, Lucha Canaria, Gouren e Backhold, foron estas loitas as que acapararon maior atención dos participantes. O taller de Loita Galega foi o último da xornada, cando xa estabamos todos un pouco cansos do intenso día, pero aínda así houbo un nutrido grupo de loitadores que atenderon ás nosas explicacións.

A xornada do sábado día 2 foi de competicións. Pola mañá fíxose competición de loitas autóctonas, coas especialidades que nomeamos antes, e cun sistema baseado en que que cada loitador podía escoller o tipo de loita a empregar. Así, cada parella facía dous combates, de distintas loitas e, en caso de empate, había que facer un novo combate noutra especialidade. Por desgraza Miguel Pereira, o noso representante, chegou a esta xornada lesionado e tivo que retirarse sen completar os dous combates.

Na tarde do sábado tivo lugar un corro de Lucha Leonesa, na que puideron participar así mesmo tódolos loitadores que viñeran coas diversas delegacións de loitas autóctonas. Como é de supor, os participantes leoneses gañaron en case tódalas categorías, a pesares do grande nivel de adversarios aos que se tiveron que enfrontar.

Dicir que a organización nos brindou un trato exquisito. Agradecemos profundamente a invitación que nos fixeron os nosos amigos leoneses, e agradecemos especialmente a Antonio Barreñada, auténtico motor de toda esta actividade.

Advertisements

DiverDeSa 2010

O concello da Estrada xunto co club de Loitas Tradicionais A Cambadela veñen de presentar o que agardamos que sexa o acontecemento deportivo do verán. Durante os días 10 e 11 de xullo celebrarase na praia fluvial do río Liñares DiverDeSa 2010 (Diversión Deporte e Saúde), macroxuntanza deportivo-cultural na que se contará, entre outras cousas,  con mostras, exhibicións e competicións de máis de corenta modalidades deportivas.

O evento deuse a coñecer onte xoves en rolda de prensa na que participaron o concelleiro de deportes Xoán Carlos Castro, o presidente do club A Cambadela Moisés Iglesias e o alma máter do proxecto de rescate da Loita Tradicional Galega, así coma Director Técnico do club A Cambadela, Severino Gómez.

Rolda de prensa

DiverDeSa 2010 pretende centrarse sobre todo no aspecto lúdico da práctica deportiva. Serán dous días de festa que xirarán arredor do deporte pero nas que tamén haberá momentos para os xogos tradicionais, a cultura, a música, a diversión para os nenos, a boa comida e un sen fin de outras actividades nas que poder aproveitar o día no marco incomparable da praia fluvial do río Liñares.

Tamén é interesante resaltar o II Encontro de Loitas da Estrada. Mentres que o ano pasado se celebrou durante as festas de San Paio, este ano incluirase dentro das propostas de DiverDeSa 2010. Contaremos con varias delegacións de loitas autóctonas (lucha leonesa, lucha canaria, aluche cántabro, galhofa portuguesa e por suposto Loita Tradicional Galega) así coma con representación de loitas olímpicas, karate e grappling. Haberá exhibición e talleres para os máis valentes.

Ven e participa en DiverDeSa 2010!!

Encontro de loitas

O sábado pasado foi un día grande para a Loita Tradicional Galega xa que tivo lugar o primeiro torneo de Loita da era moderna. En realidade, como diciamos na anterior entrada, houbo moitas máis cousas interesantes.

O encontro contou con actividades variadas. Por un lado celebrouse un torneo de karate no que participaron nenos tanto nas modalidades de kumite coma en katas. Así mesmo, o noso campión de katas Joel López fixo unha demostración de Formas que entusiasmou ao público.

Por outro lado, e como prato forte da tarde, celebrouse o primeiro torneo San Paio de Loita Tradicional Galega. Neste participaron firmes promesas da loita, que nos asombraron coa súa destreza, empeño e seriedade no círculo vivo.

Pero o sábado non só era tempo de competición. Tamén era tempo de irmandade entre loitadores. Contamos coa presenza de expertos en loitas olímpicas, pertencentes á Federación Galega de Loita e Disciplinas Asociadas, que fixeron unha exhibición de loita grecorromana e libre olímpica completada coas explicacións técnicas do adestrador e  campión de España  Nicolás Castro. Tamén contamos coa presenza de practicantes de lucha leonesa, na compaña e baixo a tutela de Antonio Barreñada, que nos ensinaron as súas mañas e onde puidemos coñecer mellor a riqueza da súa tradición.

Para completar as demostracións os asistentes ao encontro e o público en xeral tivo a ocasión de coñecer de primeira man as sutilezas técnicas destas artes mediante a participación en talleres prácticos.

Con todos eles, participantes, monitores e asistentes estamos profundamente agradecidos e gustaríanos enviarlle un saúdo moi agarimoso.

Por suposto, para rematar o encontro houbo demostración e talleres de Loita Tradicional Galega a cargo dos membros do club A Cambadela.

Xuntanza de loitas autóctonas en Cantabria

Esta fin de semana estivemos en Torrelavega, en Cantabria. Foron unhas xornadas de encontro con outras loitas autóctonas e tamén de competición.

A “Federación Cántabra de Juegos y Deportes Tradicionales”, presidida por Rodolfo do Alto,  organizou un torneo internacional de loitas autóctonas o domingo 28 pola tarde e, para completar o acto, o luns 29 pola mañá as distintas delegacións que estabamos presentes fixemos demostracións das nosas loitas.

Aquí podedes ver unha foto da delegación que enviamos dende A Cambadela, xunto con Rodolfo do Alto ataviado co traxe tradicional que lle regalaron os integrantes da delegación de Uzbequistán.

 Delegación galega xunto co organizador

Delegación galega xunto co organizador

Houbo unha nutrida representación de loitas de varios puntos de España e Europa: Aluche, Lucha Leonesa, Gouren (loita bretona), Kurash (loita tradicional uzbeca), Baltu, Back-hold (loita escocesa) e, por suposto, Loita Tradicional Galega.

O domingo competíuse en dúas variantes: Aluche e Gouren. Calquera destas loitas é moi distinta á nosa. O Aluche, por exemplo,  faise con agarre fixo o que limita as posibilidades técnicas, mentras que o Gouren permite o agarre da chaqueta, de maneira que os métodos de desequilibrio e as execucións técnicas tamén cambian con respecto á Loita Galega. A pesar de todo isto, e de que era a nosa primeira competición, os nosos loitadores tiveron un papel excepcional, acadando dous terceiros postos en Aluche e un terceiro posto en Gouren.

Aquí podemos ver a Miguel buscando o agarre inicial na súa loita cun representante uzbeco:

cantabria-11

e nesta outra foto podemos ver a Luís na típica posicional inicial do Aluche:
cantabria-2

Dende logo, podemos dicir que o máis importante do encontro foi  contactar coas outras delegacións, coñecer as súas realidades e culturas, saber como é a situación das súas loitas autóctonas, ver de organizar actividades conxuntas e desfrutar de tempo de lecer na súa compaña.

Aquí podedes ver á delegación leonesa, xunto cos membros da Cambadela. A afinidade con eles foi total:
cantabria-5