Diverdesa 2010

Pois si, xa rematou o Diverdesa 2010. Durante o sábado e o domingo estivemos todos na praia fluvial do río Liñares, na Estrada, gozando con demostracións deportivas, talleres, xogos tradicionais, inchables, festa da espuma e moito máis. Dous días que nos parece que marcan un antes e un despois no mundo deportivo da Estrada.

En realidade o que pasou esta fin de semana foi a culminación dun longo e laborioso traballo. Tedes que ter en conta que é moi difícil organizar un acontecemento deste tipo, poñer de acordo á maioría dos clubs deportivos do concello, conseguir traer as distintas delegacións de loita, planificar as actividades, repartir as zonas, conseguir agasallos e trofeos e moitas outras cousas que nos obrigaron a ter controlados tódolos detalles.

Debemos dicir que todo isto non sería posible sen a permanente colaboración de Xoán Carlos Castro, o concelleiro de deportes, que nos demostrou que cando un ten as ideas claras e non escatima en esforzos ao final chega a recompensa. Algo que, por desgraza, non podemos dicir dalgún outro membro da corporación municipal.

Dende o club A Cambadela temos que darlle ademais unha importancia especial ao II Encontro de Loitas, onde conseguimos reunir a delegacións de León, Canarias, Portugal, Loitas Libre Olímpica, Loita Grecorromana e por suposto Loita Tradicional Galega. Dous fitos nos gustaría remarcar desta edición: Por un lado a presenza da Galhofa, a loita do norte de Portugal, coa delegación do Profesor José Bragada, e por outro lado a presenza dunha delegación de Lucha Canaria. Contamos ademais, para dignificar o evento, cos presidentes da Federación de Lucha Canaria, da Federación de Lucha Leonesa e da Federación Galega de Loita. Todo un honor para nós!.

Podedes ver máis fotos na seguinte dirección web: http://bit.ly/bVkbY9

Un día para o Diverdesa 2010

Como xa vos dixemos fai un tempo, esta fin de semana terá lugar o Diverdesa 2010, na praia fluvial do río Liñares, na Estrada. Todo está preparado para este macro-acontecemento deportivo-cultural. Teremos de todo como podedes ver na súa páxina web, un montón de disciplinas deportivas farán demostracións, exhibicións e haberá competicións dalgunhas outras.

Para nós os loitadores é de destacar o II Encontro de Loitas da Estrada. A parte das delegacións que tivemos o ano pasado (Loitas Olímpicas, Lucha Leonesa, Karate e Loita Tradicional Galega) este ano contaremos ademais con loitadores canarios e, por primeira vez en Galicia, cunha delegación do norte de Portugal, que nos mostrarán a Galhofa, da que xa falamos aquí noutras ocasións.

O máis importante, sen ningún tipo de dúbida, vai ser o carácter lúdico deste evento. Preténdese que a xente que se achegue á praia do río Liñares se divirta, poida participar en múltiples talleres e xogos e acabe estas dúas xornadas cunha profunda satisfacción e con maior amor se cabe aos deportes de base.

Para ter  máis información está creado un perfil en Facebook e tamén podes seguir as entradas de Twitter.

Vémonos en Diverdesa!!