Lembrando a Rosalía

Ven de celebrarse o 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, sen lugar a dúbidas unha figura imprescindible na historia da literatura galega e principal impulsora do Rexurdimento galego.

Rosalía na Wikipedia

É interesante recordar a Rosalía e ao seu papel como difusora da cultura galega e en particular como cronista das nosas tradicións, con varias referencias nas súas poesías á Loita Tradicional Galega. É bo momento este para lembrar o seu poema A probiña, que está xorda…!, referencia senlleira para nós. O texto é máis longo, reproducimos aquí a parte máis interesante:

Xa preto da media noite,
dan encomenzo as peleas;
os mozos loitan cas mozas,
mediando as forzas que teñan
e n’andan en comprimentos
para botarse por terra.
¡Si as vírades que valentes
se amostran na loita as nenas!
¡Fanlle ós mozos cada mágoa
cas súas mans pequeneiras!

-Un xa caíu… foi un home…
¡Ela venceu, venceu ela!
¡Ben pola nena bonita!
¡Que vivan as montañesas!
¡Que vivan, pois loitar saben!
-¡Si fixo trampa….! –el contesta
avergonzado-: foi trampa,
que si non, nin cen coma ela.
-¿Que trampa nin que morcegos…?
Vencinte…
        -Non.
                  -Si
                    -¡Me venzas!

Hoxe máis ca nunca a figura de Rosalía segue viva e agardamos que o siga por moitos anos máis, respectando o seu patrimonio e a súa esencia, que é parte de nós e do noso pobo.

No 125 cabodano de Rosalía de Castro

Hoxe 15 de xullo cúmprense 125 anos da morte de Rosalía de Castro. Así como dende outros foros se organizan actos en conmemoración, tamén dende aquí nos gustaría ter un momento de lembranza coa nosa máxima poeta.
E para acordarnos de Rosalía, que mellor maneira que con algún dos seus versos. Un poema ao que nós lle temos un especial cariño é A probiña, que está xorda…!  de Follas Novas (1900). Nunha das súas pasaxes dinos:

Xa preto da media noite,
Dan encomenzo as peleas;
Os mozos loitan coas mozas,
Medindo as forzas que teñan
E n’andan en cumprimentos
Para botarse por terra.

Como vedes, nestes versos resúmese toda unha actividade tradicional coma eran as loitas. Non nos queda máis que desexarlles mil anos máis á poesía de Rosalía de Castro.